11 may 2010


Chámome Daniel Higiénico. Fágome chamar así porque montei un grupo en Palma de Mallorca que se chamaba ‘Daniel y la Quartet de baño Band’. En realidade non sei moi ben por qué estou metido nisto da música... foi case por casualidade, aínda que creo que o levaba dentro, aí reprimido, e un día estoupou... Tampouco sei explicar moi ben o que fago, só que fago cancións que me saen e non me poño ningún estilo en concreto... porque na realidade non son músico, teño unha idea e lévoa a cabo. Gústame ser irónico, rirme de todo, teatralizar as cancións en directo, que os discos sexan divertidos e que as letras digan algo que poida interesar. Levo vinte anos vivindo da música e ás veces aínda non o creo.

O Leo i Arremecághona!!! é un cantautor punk (“kañautor”) en galego que se dá a coñecer en 1998 como abreconcertos da xira galega de Albert Pla. Dese mesmo ano é o seu espectáculo ‘Suspiros de kaña’ e mais o disco homónimo. O Leo levou o seu proxecto músico-teatral polos escenarios de Galiza e Euskadi, amais de colaborar como músico e actor nas obras ‘As Presidentas’ e ‘Vendetta’, das que tamén foi responsable da banda sonora. ‘Suspiros de kaña’ consiste nunha performance striptease, na que se vai desprendendo dun traxe de faralaes até quedar espido (ou case), mentres debulla unha lista de cancións cuxo fío condutor é a colonización lingüística, cultural e política de Galiza por parte do Estado español.

Markos Bayón preséntanos o seu proxecto en solitario ‘ElAutoGnomo’, no que nos conta e canta desnudeces e convídanos a escoitar e degustar novas sonoridades. Cancións para bailar coa alma. Emocións, melodías, murmurios e desgarros. Adicto á música dende moi novo, Markos enchóupase nun amplo espectro de xéneros musicais e dende a súa persoal licuadora ofrécenos cancións que mesturan tradicións melódicas con arranxos onde o acústico e o tecnolóxico se atopan. Puidéchelo escoitar con Bebe, Perroflauta, El Combolinga... Nesta visita proponnos un proxecto en solitario, guitarra e maquiniñas xunto cunha susurrante voz que envolve ao público coas súas letras vitais e reflexivas á vez.
Definir o universo de Silvia Penide non é doado. Hai quen se decanta pola Silvia cantautora, outros chámana solista pop e algúns consideran que está a medio camiño entre o experimental e o electrónico. O certo é que esta moza de Arteixo presenta unha proposta baseada na sinceridade, o achegamento e a dozura. Cos seus dous primeiros traballos, ‘Kilómetros’ e ‘Invisible’, Silvia Penide xa amosou a forza das súas cancións. Algúns temas convertéronse en clásicos de programas radiofónicos como La Gramola e con eles fidelizou unha lexión de fans. O seu último disco, ‘Desafinante crónica’, mergúllanos máis profundo ca nunca no seu propio universo. Na actualidade áchase preparando o seu cuarto álbum de estudio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario